COMEZAMOS CUN NOVO PINTOR!
Bos días familias,
Como ao longo do curso, estivemos traballando distintos pintores como foi Diego Velázquez e Joan Miró, hoxe preséntovos un novo que era no que nos íamos enfocar estes meses:
VINCENT VAN GOGH
A través del, íamos realizar múltiples actividades de distinto contido e, aínda que estas non van ser igual de propostas que na aula, considero que si podedes realizalas na casa.
Sinalarvos ademais que o traballo para que os nenos/as coñezan a este artista non implica estar continuamente aprendendo del, senón que se debe combinar con outro tipo de actividades sobre os números, as letras, o teatro de sombras,... que vos fun presentando con anterioridade.
Algunha primeira actividade que podemos facer cos pequenos/as é co seu nome. Por exemplo, escribir coas súas letras outras palabras (en maiúsculas ou minúsculas dependendo do nivel) sendo eles quen pensen ditos nomes:
V → vaca
I → iglú
N → nena
C→ casa
E → escola
N→ nata
T → tomate
V → vela
A → árbore
N → nota
G → galleta
O → oso
G → gorro
H → hipopótamo
A continuación, os máis pequenos/as poden comparar cantas letras ten o nome do pintor iguais que as do seu nome e dalgún dos seus compañeiros/as.
Outra actividade que se pode levar a cabo é facer unha descrición física dun dos retratos de Van Gogh, como o que presentei eu anteriormente ou dalgún que busquedes vós en internet. Pode ser a través de sinxelas oracións como: "Ten barba", "ten os ollos azuis" e para maior dificultade pódese comparar con nós mesmos "Van Gogh ten barba e eu, non", "Van Gogh ten os ollos azuis e pequenos e eu téñoos marróns e grandes".
A partir de aquí, os pequenos/as poderían facer o seu retrato do artista destacando as liñas como facía Van Gogh nos seus cadros.
Unha seguinte actividade, e xa algo máis longa, consistiría en buscar información no ordenador coa vosa axuda. Por exemplo, eles/as poderían usar o rato para abrir o buscador, escribir o nome completo do pintor neste,... Así ademais traballarían as novas tecnoloxías. De non ter ordenador, poderían facelo co móbil baixo a vosa supervisión.
Logo, xa lles axudaríades a seleccionar información como cando e onde naceu, cando e onde morreu, algúns aspectos salientables da súa vida como que non vendía os seus cadros, que seu irmán Theo era o que lle axudaba a sobrevivir,...
Toda esta información pasaríana escribíndoa eles (en maiúscula ou minúscula) a unha cartolina grande ou a un papel de gran tamaño en formato mural con algunha fotografía tamén do autor. Ademais, poderían facer as letras do seu nome en grande e logo colorealas.
Un exemplo de mural é este:
Sinalarvos que o apartado de obras eu proporíavolo traballar máis adiante, poreivos máis actividades, co obxectivo de non transmitirlle demasiada información aos pequenos/as e que se cansen rápido. Por tanto, o mural levaríanos varias semanas e despois gustaríame que me mandarades algunha fotiño para compartila entre todos os compañeiros/as!
Finalmente, comentarvos que esta actividade do mural, na escola implicaría varios días, polo que non vos agobiedes nin vós nin os pequenos/as e recordarvos combinar estas actividades con outras de diferente tipo como facer unha receita (xa que vexo aos pequenos/as moi lambóns 😋) e escribila eles/as fixándose nos números das cantidades.
Espero que vos guste esta nova proposta didáctica!
Moitíííísiiiimoooos bicos!!


Comentarios
Publicar un comentario