NA VOLTA DESTAS ESTRAÑAS VACACIÓNS!

Ola familias, 

Que tal? Como pasaron os nenos e nenas estas estrañas vacacións de Semana Santa? Seguramente non tan ben como as anteriores, xa que se vai precisando poder saír ao aire libre. Esperemos que isto pase dentro de pouco!
De todas formas, non nos temos que desanimar e é preciso valorar os aspectos positivos deste confinamento que, aínda que pareza que non os hai, SI: estar máis tempo en familia, participar en tarefas do fogar, xogar cos irmás e irmáns (quen os teña) durante máis tempo, ter momentos de relaxación, de xogo, pero tamén de aburrimento para desenvolver a imaxinación e creatividade,...

Hoxe vouvos propoñer algunha actividade máis que estiven buscando e que permite traballar múltiples contidos. Algunhas delas son:
  • Xogamos buscando... Esta actividade consiste en buscar diferentes obxectos atendendo a unha consigna, como pode ser: "algo que sexa máis pequeno ca un lapis", "algo que sexa transparente", "algo que sexa da natureza", "algo que sexa produto dun animal", "algo que comece pola letra E",... A través deste xogo, pódense traballar conceptos como o tamaño a través da comparación con outros materiais, a estimación sobre canto pensan os nenos/as que miden as cousas e logo comparar dita medida coa realidade a través dunha regra ou dun metro, a conciencia fonolóxica a través das letras de inicio das palabras, continuar cos animais observando que produtos obtemos deles,...
  • A emparellar. Esta actividade consiste en relacionar as letras maiúsculas coas minúsculas. Isto pode facerse con ovos Kinder, con recortes de papel ou co material que vos consideredes.
Unha versión que tamén se pode realizar desta actividade é escribir palabras e as letras iniciais destas e unilas. Outro exemplo é presentar por un lado a escrita de decenas e unidades e no outro, o número correspondente ou outra versión máis fácil sería debuxar puntiños ou raias e que se unan co número.
  • Creamos coas mans. Esta é unha actividade plástica que consiste en crear diferentes animais, reais ou ficticios, empregando como base a nosa man. Por exemplo:
  • A nosa propia historia. A principal finalidade a desenvolver nesta actividade é a imaxinación, tan importante no momento actual. Ademais, é un xogo no que poden participar varios membros da familia. Esta debe levarse a cabo en varios pasos: primeiro, invención duns personaxes; logo, creación dunha historia para representar (que logo poden escribir os nenos/as); a continuación, elaboración das siluetas dos personaxes; finalmente, representación a través dun teatro de sombras.
  • Twister. Como xa levamos moito tempo na casa confinados, propóñovos crear o noso propio twister para traballar a elasticidade e a coordinación. É un xogo superdivertido!
  • Finalmente e co obxectivo de afondar un pelín máis nos animais, mándovos varios enlaces sobre documentais destes adaptados aos pequenos/as. Neles, realízanse varias preguntas para que os nenos/as se fixen no observado e escoitado:


Así mesmo e, como poderedes ver, hai máis documentais sobre outros animais (estes aínda que están adaptados é importante visualizalos vós antes por se ten algunha escena complicada para os  pequenos/as como a alimentación a través da caza) que podedes ver en familia!

Espero que vos gustaran as ideas e as poñades en práctica! Ademais, recordarvos que tamén podedes seguir buscando palabras pola casa e escribíndoas, traballar as sumas e as restas con tapóns, a relación cantidade grafía, as sopas de letras, o xogo da Oca,...

Unha superaperta! Vémonos pronto! 😘😘


Comentarios

Publicacións populares deste blog

RETO DIARIO E TAREFIÑAS

NOVAS ACTIVIDADES E TAREFAS DOS PEQUENOS/AS!

OS PEQUENOS E PEQUENAS SEGUEN TRABALLANDO UN MONTÓN!