NOVO RETO, IDEAS E TAREFIÑAS!
Bos días familias,
Que tal? Fixéstedes o reto que vos propuxen? Seguro que si e que vos quedaron paisaxes urbanas e naturais chulísimas 😍. Probástedes tamén a facer a receita que vos ensinei?
Hoxe o RETO que vos propoño é facer unha manualidade superchula cos seguintes pasos:
Primeiro, hai que coller os materiais para a súa elaboración e que son:
- Unha botella de plástico.
- Un cacho de fío.
- Tesoiras.
- Celofán.
- Un obxecto que pese, vale un tapón, un xoguete pequeno,... calquera cousa.
- Materiais para decorar.
A continuación, collemos a botella e recortámola deixando un pouco de corpo e poñemos celofán no sitio cortado porque senón podedes facervos dano ao quedar un canto moi afiado.
Logo, recortamos o fío uns 30 centímetros. Canto máis longo sexa, máis difícil vai ser encestar o material na botella.
Despois, facemos un burato na tapa da botella...
... e pasamos o fío facéndolle logo un nó para que se aguante:
Finalmente, unimos o material (no meu caso un pompón que tiña pola casa), poñémoslle o tapón a botella e XOGUETE DE RECICLAXE FEITO:
A maiores, eu decoreino con diferentes formas e cores...
... e xoguei con el como podedes ver neste vídeo:
Comentarvos tamén que, como mañá é día festivo, envíovos un enlace para traballar o Día Internacional contra o Acoso Escolar (o 2 de maio) e que realizaron dende orientación do noso centro:
Comezando xa coas tarefas dos pequenos/as, hoxe empezo cos de catro aniños e, entre eles, está Navia, a cal está escribindo a receita da tarta de mazá, da cal xa nos mandara algunha fotiño e tiña moi boa pinta 😋. Por agora, escribiu os ingredientes máis parte da elaboración:
Ademais disto, contoume que comezou a saír coa bicicleta e cos patíns e que xa puido ver a algúns dos seus amigos/as respectando a distancia de seguridade, claro.
Segue así de ben! 😊
A mellor amiga de Navia, Cloe, tamén me mandou varias fotiños sobre o que estivo realizando estes días. Entre elas, está a posta en marcha dun dos retos que propuxen que era a receita e na cal empregou avea que é un ingrediente que non soe usar, ao igual que a vainilla. A receita que fixo son tortitas de avea con plátano e escribiuna así de ben:
Escribiuna xenial! 😍 Logo, púxoa en práctica e quedáronlle así de ben as tortitas:
Que pintaza! 😋
Ademais disto, e como foi o Día Mundial do Libro, volveu a mirar a proposta que vos fixera de contos e fixo un debuxo de corre, corre, cabaciña, poñendo incluso as personaxes:
Tamén estivo realizando actividades de Vincent Van Gogh como é escribir palabras co seu nome ou debuxar un dos cadros, concretamente, fixo A noite estrelada, porque é o favorito da súa mamá e era para regalarllo. Encántame o ben que lle quedou! 😍
Finalmente, comentoume que foi pasear recollendo pedriñas para facer algunha manualidade, que xoga cos tapóns facendo sumas, restas, descomposicións, torres,... así como escribiu palabras seguindo as letras do abecedario.
Canto traballa! Segue así de ben! 😍
Para finalizar cos nenos e nenas de 4 anos, sinalar a Leo que tamén realiza múltiples actividades como é avanzar na investigación de Vincent Van Gogh buscando varias das súas obras e escribindo o título das catro que máis lle gustan:
Ademais, fixo o reto dos problemas dicíndome a súa mamá que o fixo xenial coas pinzas de tender, así como realiza outras actividades de matemáticas como as seguintes dun libriño:
Está traballando moitísimo a lóxica-matemática, ao igual que un atlas que ten para ver os países e océanos, os animais e inglés que está vendo vídeos e practicando o vocabulario como son os días da semana, as froitas, as emocións e os deportes:
Finalmente, fixo unha receita como é unha ensalada que ten un pinta riquísima 😋 e é moi san:
Ademais, díxome a súa mamá que foi supermaior e probou a cebola cruda que nunca a tomara. Moi ben! 😊
Atendendo aos nenos/as xa máis maiores, destacar en primeiro lugar a Noa, que continúa mandándome cousiñas super chulas como o mural que fixo de Van Gogh, onde figura a actividade do seu nome, un mapa onde está marcado os sitios nos que viviu, un debuxo do seu irmán Theo que lle axudou moito, así como os títulos dalgunhas das súas obras máis importantes:
Quedoulle xenial o mural. Encántame! 😍 Ademais, díxome que con el aprendeu moitas outras cousas como algúns países, situar Galicia, España,... e que a partir del, fixo crebacabezas no ordenador coas obras deste autor, visitou varias páxinas con traballos doutros nenos/as,..
Ademais disto, fixo o reto dos problemas de matemáticas, buscou formas nas nubes chegando a ver un dinosaurio, un dragón e un osiño, segue realizando algún bicharraco e, ás veces, conta contos con mamá e con Lúa.
Finalmente, comentoume que fixo un crebacabezas de 200 pezas con papá, xogou ao xadrez e debuxou na area da praia.
Encántame que realice actividades tan diferentes porque con todas elas aprende un montón xogando. Por exemplo, co xadrez aprende tácticas, a orientación espacial, o respecto das quendas, das regras,...; co crebacabezas, aspectos lóxico-matemáticos,...
Pola súa banda, Martiño tamén fixo o reto da receita elaborando un biscoito de chocolate que ten unha pinta riquísima 😋.
Ademais de facela, unha cousa que me gusta moito é que participaron os tres irmáns e que despois, el ademais, escribiu os ingredientes así de ben:
Ademais do biscoito e da súa rutina diaria (lectura, escritura e mates), onte fixo un polbo así de chulo el soíño... 😍
... e unha carreira de tartarugas:
Comentarvos que a tartaruga que empregou elaborouna seguindo un vídeo de manualidades xenial e que aparece neste enlace (grazas a mamá de Martiño por compartilo):
Outro dos nenos de 5 anos é Martín que tamén estivo facendo os retos que vos propuxen, entre os cales, estaba a paisaxe, facendo el como un zoolóxico, así de chulo 😍:
Tamén, puxo en práctica unha receita de galletas de avea que seguro que lle quedaron riquísimas 😋:
Logo, escribiu os ingredientes así de ben practicando as minúsculas:
Por último, mandoume fotiños de como está traballando a Van Gogh como é o avance do mural, engadindo agora a súa descrición física:
Estalle quedando xenial! 😍
Finalmente, quédame por falar de Lucía que tamén me manda todos os días algunha cousiña. En concreto, onte mandoume algunha actividade de lectura como é unha sopa de letras cos nomes dalgúns compañeiros/as...
... ou algunha fichiña de mates:
Finalmente, mandoume unha receita de pan explicándome os pasos con fotografías, como fixera eu:
Ingredientes:
Elaboración:
Primeiro, mesturamos o mel, o leite templado e o aceite:
Noutro bol, poñemos a fariña...
... onde engadimos o sal...
...a levadura...
... e mesturamos.
A continuación, poñemos a mestura anterior...
... e volvemos a remover:
Amasamos a masa dándolle forma:
Finalmente, poñemos a masa no forno a unha temperatura de 190 grados durante 40-45 minutos. Se son boliños pequenos, a metade de tempo:
Sacámolos e a comer: 😋
Seguro que están riquísimos, agora tócavos a vós probar!
Para rematar, mándovos moitísimos ánimos, forza e entusiasmo para que sigades traballando así de ben. Cada vez sorprendédesme máis co ben que estades actuando!!
Moitísimos bicos e apertas!






























































Comentarios
Publicar un comentario