DÍA INTERNACIONAL DAS FAMILIAS E CONMEMORACIÓN DAS LETRAS GALEGAS
Bos días familias,
Que tal? Hoxe vou subir dúas entradas porque teño moita información que darvos. Esta é a primeira delas.
En primeiro lugar, sinalarvos que hoxe é o Día Internacional das Familias, polo que podemos traballar este día dunha maneira moi bonita. O RETO que propoño para a súa celebración é realizar cinco actividades en familia (ao longo do fin de semana), decidindo entre todos e todas as actividades que podemos pór en práctica como ir pasear xuntos, ler un libro en familia, xogar a xogos de mesa, falar durante dez minutos sobre o tema que queirades como poden ser os tipos de familias,... A intención disto é darnos de conta do ben que o pasamos entre todos e todas e a importancia da familia para estar ben emocionalmente. Para poder levar isto a cabo, os pequenos/as teñen que axudar coas tarefiñas da casa, para darse de conta de todo o que fan por nós os maiores.
Por outra banda, o día das Letras Galegas este ano cadra en domingo, polo que como o luns non vou subir entrada (pedira o día o colexio como non lectivo) celebrámolo hoxe.
Sabedes quen é o homenaxeado este ano? Seguro que si:
RICARDO CARVALHO CALERO
Queredes saber algo da súa vida?
Pois Ricardo Carvalho Calero foi un escritor galego, que naceu o 30 de outubro de 1910 na cidade coruñesa de Ferrol e era o maior de seis irmáns. Seus pais eran Mª Dolores e Gabriel Ricardo.
De pequeno estudou en dúas escolas da súa cidade e de maior marchou a estudar a Compostela.
Defendeu o idioma galego e escribiu moitos libros de poemas, teatro, relatos,... no noso idioma como A xente da Barreira. Ademais, traballou en moitas revistas galegas como A Nosa Terra, Nós, Guión, Galiza,...
Un dos seus libros máis famosos para os nenos e nenas é As pitas baixo a choiva. Neste libro Ricardo conta unha cousa que lle pasou de pequeno cando quería recoller as galiñas que se mollaban con choiva e acabaron todos mollados como pitos: as galiñas, el e toda a súa familia.
Este ano dedícaselle o día polo seu traballo en defensa do idioma galego e da nosa cultura.
A que agora xa sabedes máis cousiñas deste autor? Pois déixovos tamén máis información a través dun xogo interactivo (unha vez dentro da páxina, tendes que premer enriba do altavoz da imaxe):
Ao final deste, preséntavos varios enlaces con recursos como é a páxina primavera das letras (tamén a podedes mirar a través deste enlace http://primaveradasletras.gal/), onde se poden descargar debuxos relacionados con este autor, marcapáxinas,...
Outro recurso que vos presento é un vídeo de YouTube, onde varios mestres e mestras dun colexio len o conto de As pitas baixo a choiva. Ao final deste, hai un pequeno reto dunha mestra. Espero que vos guste moito o conto:
Finalmente, póñovos tamén a canción creada polo noso mestre Dani que creou para conmemorar este día, seguro que vos gusta un montón:
Como podedes ver, Carvalho Calero foi unha persoa moi importante para a nosa lingua. O noso tributo para este autor, será un segundo RETO para hoxe e consiste en buscar a palabra que máis nos guste (a que nos pareza máis fermosa) en galego. Eu ensínovos a miña preferida:
FEITIZO. Elixín esta porque para min a cultura galega está chea de maxia coas meigas e paréceme unha palabra moi nosa.
Agora tócavos a vós!
Finalmente, recordarvos que para estes días hai dous retos, moita sorte!
Comentarios
Publicar un comentario